22 documentos do feminismo galego

10,00 

En stock

Categoría: Etiqueta

Descripción

Introdución

Diversas experiencias divulgativas en torno á traxectoria do feminismo galego confirmáronnos a importancia de preservar e difundir a memoria da conquista dos dereitos sociais, en especial entre as xeracións máis novas. Así, a documentación que recollemos nesta publicación dá testemuño dun pasado non tan afastado que permite o contraste –abismal contraste en moitos casos– entre a realidade actual e a da escandalosa falta de dereitos nas que deberon vivir as xeracións inmediatamente anteriores.

Os 22 documentos reproducidos –panfletos e manifestos do movemento feminista galego entre 1975 e 2003– atesouran ademais que os dereitos non caen do ceo e que a súa progresiva inclusión na legalidade requiriu do esforzo e mobilización de moitas persoas, a miúdo en condicións adversas, sempre den-de un impulso inicial minoritario que abre paso a unha posterior e máis lenta transformación sociocultural nunca irreversible. Trátase dun tipo de documentos difíciles de atopar ou reler pero de indubidable interese para reconstruír inquedanzas, obxectivos e argumentacións das súas autoras e mesmo percibir aspectos substanciais das diversas circunstancias nas que se redactaron.

Procuramos abranguer os principais temas de actuación e reivindicación feminista do período, cunha escolma de textos ilustrativos das análises realizadas polas organizacións en iniciativas preferentemente conxuntas, unitarias. Agrupamos despois a documentación en tres grandes bloques para facilitar a súa contextualización mediante textos breves que remiten aos antecedentes históricos desa loita feminista, optando polo criterio temático fronte ao cronolóxico. Contémplase, en primeiro lugar, o empeño central de ruptura co rol tradicionalmente asignado ás mulleres, abordando despois outros ámbitos do esforzo emancipador do feminismo –a sexualidade, o traballo dentro e fóra da casa, a necesaria independencia das mulleres– para rematar coa súa actuación cara á esfera política. Pechamos o libro cun manifesto que remite á mobilización internacional organizada en Vigo no 2004 pola Marcha Mundial das Mulleres, a principal referencia social do feminismo galego neste comezo de século.

Contamos coas valiosas fontes documentais da Fundación 10 de Marzo e, en especial, de Nanina Santos Castroviejo a quen agradecemos sinceramente a súa colaboración e asesoramento. A escolma de documentos e os textos introdutorios de cada apartado foron realizados por Isabel Rodríguez Mate. Os manifestos e panfletos transcritos respectan a grafía e normativa orixinal na que foron publicados.

Desexamos para o libro unha utilidade complementaria: convencer as súas lectoras e lectores –tanto ou máis necesarios– de que os avances do feminismo o son da sociedade toda polo que paga a pena implicarse en defendelo e espallalo, especialmente cando se pode comprobar acotío o poder das forzas que teiman polo seu retroceso. Non hai dereitos eternos… e, lamentablemente, vivimos días nos que unha crúa realidade se encarga de deixárnolo ben patente.

Fundación Galiza Sempre
Verán de 2010